Tuesday 14 de May de 2024

O equipo de goberno de Fene acorda coa veciñanza unha solución para o nome da avenida Alcalde Ramón Souto González


A volta á denominación “Avenida do Concello” solicitada pola veciñanza será debatida no pleno deste xoves
O pleno ordinario deste xoves en Fene someterá a votación a proposta consensuada entre o grupo de goberno e a veciñanza para que a Avenida do Concello volva chamarse así, Avenida do Concello, solventando desta maneira o conflito aberto desde hai meses a raíz do cambio deste nome polo de Alcalde Ramón Souto González. O texto que se someterá a votación recolle a demanda social de que se deixe sen efecto o acordo plenario do pasado mes de novembro para rebautizar a rúa na memoria do rexedor republicano fusilado en 1936. Porén, a proposta tamén incorpora a petición de que o nome deste alcalde identifique tanto a praza do Concello como o parque e os edificios que a rodean, é dicir, a propia casa consistorial, as dependencias da policía local e o inmoble do centro municipal de emprego.

En palabras de Juventino Trigo, a solución que se presentará no pleno “é a mellor das posibles posto que está acordada e meditada coa veciñanza”. O alcalde explica que o seu equipo se reuniu hai varios días con representantes dos veciños e veciñas “para poñer enriba da mesa puntos de vista e posibles saídas de consenso que, ao final, van ser as que se leven a pleno despois de que os veciños lles desen forma por escrito e nolas presentasen por rexistro co aval de máis de 1.300 sinaturas”.

De feito, a proposta da alcaldía expón literalmente os argumentos veciñais a prol da recuperación da antiga denominación de Avenida do Concello. Entre eles o rexeitamento de que o cambio se fixese “pola vía da urxencia” e sen que os veciños, “os principais afectados do cambio, cos problemas que iso implica”, tivesen oportunidade de “expresar o seu parecer”, tal e como reflicte a petición rexistrada.

Con todo, na solicitude tamén se deixa ben claro que o rexeitamento ao cambio non ten nada que ver con que se trate de rebautizar a avenida co nome dun alcalde represaliado polo fascismo e a este respecto son os propios veciños quen solicitan trasladar esa denominación á praza e aos inmobles municipais arredor.

A solicitude superou a Comisión Informativa de Dinamización social e Transparencia do pasado 28 de abril cos votos favorables do BNG e de EU, a abstención do PP e os votos en contra do PSdeG-PSOE (Somos Fene non asistiu á comisión). Unha postura dos grupos que podería verse modificada na sesión plenaria deste xoves á tarde e incluso colleitar máis apoios, habida conta de que o PP tería expresado a súa intención de sumarse á proposta da alcaldía incorporándolle, ademais, unha emenda no sentido de que se coloque unha placa conmemorativa na praza, que se celebre un acto conmemorativo o día 16 de agosto -data na que Ramón Souto foi asasinado- e que se cree un premio xornalístico a prol da liberdade e a defensa dos dereitos humanos.